mércores, 15 de maio de 2024

ESTREAMOS ROCÓDROMO

 Xa podedes desfrutar do noso rocódromo como un espazo máis dos recreos activos.

Nos carteis que se atopan nos lateriais podedes atopar percorridos e progresións de dificultade, así como as normas de seguridade. É importante avisar ao profesor e colocar unhas colchonetas debaixo.

En canto aos percorridos, ademais de estar marcados nos carteis, tamén atoparedes as marcas na parede:

  • 6 percorridos en total, 3 no panel esquerdo e outros 3 no panel dereito.
  • En cada panel, divídense en percorrido verde, amarelo e vermello.
  • A entrada (comezo) sinálase cunha estrela en cada apoio/agarre e na cor do percorrido a realizar.
  • Os puntos intermedios márcanse con cadrados da cor a realizar.
  • Os puntos finais (saídas) deben ser tocados coas 2 máns e márcanse cunha estrela+rectángulo.

Serás capaz de realizar tódalas progresións e percorridos? Se o consegues, logo sempre podes darlle á cabeza e crear os teus propios percorridos!

Agardamos vervos superar estes retos.

Ánimo!



Cartel de normas e progresións

Cartel de percorridos

Estrelas: Puntos de entrada (comezo)

Cadrados: Puntos intermedios, de paso.

Estrelas+rectángulo: Puntos finais a tocar con 2 máns (saída)












martes, 14 de maio de 2024

XOGOS TRADICIONAIS E POPULARES

 O alumnado de 1º da E.S.O. participou no obradoiro de xogos tradicionais e populares ofertado polo centro de cultura popular Xaquín Lorenzo.

O noso alumnado desfrutou de 2 sesións onde aprenderon e divertíronse con:

  • A billarda en diferentes variantes.
  • A chave na modalidade de Ourense.

Un pracer ter a Lito con nós, toda unha enciclopedia da cultura tradicional e popular e agradecerlle o seu bo facer.

Aproveitamos tamén para indicar que, actualmente, ámbolos xogos forman parte da actual Federación Galega de Deportes Autóctonos: https://fgdeporteautoctono.com/

Algunhas fotiños:















PRIMEIROS AUXILIOS EN 3º E.S.O.

O alumnado de 3º da E.S.O. puido desfrutar dunha introdución aos primeiros auxilios como parte dos programas educativos en educación viaria, prevención e seguridade do Concello de Ourense.

O noso alumnado puido coñecer as instrucións básicas dos protocolos a empregar ante distintos tipos de accidentes:

  • Protexer, avisar, socorrer (P.A.S.)
  • Posición lateral de seguridade (P.L.S.)
  • Manobra de Heimlich.
  • Reanimación Cardio-pulmonar (R.C.P.)

Consideramos contidos, dentro do ámbito da saúde, fundamentais, pois poden axudar a salvar vidas. 

Queremos recordar tamén que de acordo co artigo 195 do código penal (omisión de socorro), estamos na obriga de actuar nunha primeira instancia ante un accidente que ocorra na nosa presencia, polo que estes contidos axudarán a saber como actuar e a facelo da mellor maneira posible.

Grazas a Nieves polo seu coñecemento e paixón á hora de transmitir estes contidos. 

Algunhas fotiños:









luns, 13 de maio de 2024

MATHCITY MAP: Sumando Km e Kcal en Matemáticas

A semana pasada, o Departamento de Matemáticas no marco do CPInnova - Edusaúde realizou co alumnado de 2º ESO unha "gymkana matemática". O alumnado desprazouse ao casco vello a pé para participar nesta actividade cuxo obxectivo é coñecer diferentes zonas de interese da cidade mediante probas matemáticas que debían superar e que ademais aportaban información histórica e cultural da cidade.

Unha actividade interdisciplinar e divertida onde coñeceron mellor a cidade e co engadido de realizar actividade física. Queremos reivindicar o desprazamento a pé como unha opción ideal para unha cidade do tamaño de Ourense, pois é a opción máis económica, ecolóxica e saudable.

Algunhas fotos da actividade:










martes, 7 de maio de 2024

FIN DO CAMPIONATO DE FÚTBOL SALA

 O venres pasado puxemos fin a unha das competicións máis agardada polo alumnado, o Campionato de Fútbol Sala.

Foron 4 os equipos na categoría de 1º-2º da ESO e 7 equipos na categoría de +3º da ESO. Ámbalas categorías estiveron igualadas e tiveron finais de infarto que se resolveron mediante tanda de penaltis.

  • 1º-2º da ESO: O encontro finalizou cun empate 2-2 e os penaltis caeron do lado de Censurados F.S.
  • +3º ESO: A Kikoneta  foi quen de pasar dun 4-1 ata o 4-4 final, forzando a resolución mediante penaltis, pero desgraciadamente non puideron culminar a remontada e caíron derrotados na tanda de penaltis ante os Pelaos F.S.
Parabéns aos vencedores, pero sobre todo aos participantes polo comportamento e ao comite organizador pola boa xestión.

Algunhas fotiños:


Campións Categoría +3º ESO: Pelaos F.S.

Campións Categoría 1º-2º ESO: Censurados F.S.

Finalistas +3º ESO: Kikoneta

Finalistas 1º-2º ESO: Sen nome