venres, 27 de decembro de 2024

NADAL ACTIVO E SAUDABLE

 Aquí tedes o reto coreográfico e colaborativo de ritmo e coordinación que fixemos na derradeira semana deste 1º trimestre. Houbo unha gran participación e sobre todo risas e bo ambiente

Desexamos que o 2025 continúe cun curso cargado de colaboración, respecto, compromiso, participación, implicación... e sobre todo saúde!

MOITAS GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN E COLABORACIÓN.

BO NADAL E FELIZ ANO NOVO!!!

RETO NADAL!













xoves, 19 de decembro de 2024

FINAIS DOS CAMPIONATOS

 Coa fin desta avaliación rematan tamén os campionatos de Balonmán e Baloncesto.

O Martes foi a final de Balonmán onde os equipos clasificados foran:

  • Categoría 1º-2º ESO: Mauro vs 7 genios unidos: Tras un disputado encontro decantouse nos últimos minutos a favor de Mauro por 4 goles a 1. 
  • Categoría +3º ESO: Esguinces Gil vs Fóbicos BBC: O partido comezou ben para Fóbicos BBC pero a medida que pasaban os minutos Esguinces Gil impúxose no marcador e acadou unha vantaxe clara por 6 a 3.
O Mércores tivo lugar a final de Baloncesto, onde os equipos clasificados foron:
  • Categoría 1º-2º ESO: WWW vs Winners. WWW puxo moita entrega, pero non puideron co dominio técnico-táctico de Winners.
  • Categoría +3º ESO: Miami Roxers vs Presocráticos. Partido moi disputado que chegou á súa fin cun 6-6 e tivo que decidirse mediante tiros libres. Finalmente a pelota caeu do lado de Miami Roxers.
Parabéns a todos/as por participar e desfrutar duns recreos divertidos, activos e saudables con tanta acollida.

Para o ano máis e mellor, será a quenda dos campionatos de Bádminton, Brilé e pode que Fútbol Sala (por confirmar).

Algunhas fotos:

Miami Roxers. Campións de Baloncesto

Winners: Campioas Baloncesto

Presocráticos. Subcampións Baloncesto

WWW. Subcampións Baloncesto

Esguinces Gil. Campións de Balonmán

Mauro. Campións Balonmán

7 Genios Unidos. Subcampións Balonman










































sábado, 14 de decembro de 2024

ATLETAS DO FERRO

 O alumnado de 1º da ESO participou na xornada "XOGANDO CO ATLETISMO" organizada a través do PLAN XOGADE. Unha xornada lúdica que permite experimentar un campionato de Atletismo nun lugar privilexiado como a pista cuberta de Atletismo que temos en Ourense, concretamente na Expourense, a carón do centro. 

6 centros da cidade se deron cita nesta xornada para achegarse a esta modalidade deportiva dun xeito NON COMPETITIVO xa que non se rexistraron os resultados.

A inscrición era mixta e limitada a 24 participantes por centro, polo que as representantes do noso centro foron escollidas de acordo cos mellores tempos realizados no pasado Campionato de Cros. 12 rapazas e 12 rapaces que se distribuíron en 3 equipos de 8 e repartidos nas diferentes probas:

  • Lanzamento de peso.
  • Lanzamento de vórtex.
  • Salto de lonxitude.
  • Salto de altura.
  • Carreira de remudas. (8x50m.)
  • Carreira de remudas. (8x200m.)
Foi unha experiencia apaixoante e divertida coa que seguimos achegando ao alumnado a outros deportes menos practicados e en certa maneira pouco promovidos nos medios. Hai vida máis alá do Fútbol. 

Temos a esperanza de que tras experiencias coma estas saian máis atletas e olímpicos galegos da talla de Ana Peleteiro ou Adrián Ben.

Algunhas fotiños da experiencia grazas á profe Ana 😊